Costas e concello colaborarán na mellora da explanada de ‘La Onza de Oro’

    POBRA> O Xefe da Demarcación de Costas en Galicia supervisou as obras de mellora que se están a acometer na depuradora da Pobra. Durante a súa visita tamén se abordaron outros proxectos necesarios para o municipio como a adecuación da explanada da antiga fábrica de La Onza de Oro ou os novos usos para a restauración das naves industriais dos Areos. Os técnicos da empresa Tragsa supervisaron a conexión do novo e do antigo emisario da depuradora da Pobra así como a retirada dunha antiga arqueta que supoñía un gran impacto visual na contorna das marismas das Xunqueiras, a piques de concluír a primeira fase da súa rexeneración. Pero esta non é a única actuación medioambiental pendente no concello da Pobra. O executivo plantexou a necesidade de acondicionar a marxe costeira da explanada onde se asentaba a antiga nave de La Onza de Oro, actualmente pechada polo risco de accidentes. Por último, concello e Costas avanzaron no proxecto para restaurar as antigas fábricas do paseo do Areal. O obxectivo é buscar novos usos que permitan a súa sostibilidade no tempo posto que a súa catalogación patrimonial impide a súa demolición.