A Xunta aforra en gastos na Cidade da Cultura

     SALNÉS> Do gasto total previsto para 2013 só o 55,77% corresponde á Fundación Cidade da Cultura.

    {flowplayer}images/salnes/CidadeCultura_220113.flv{/flowplayer} 

    O programa de aforro e optimización de recursos posto en marcha na Cidade da Cultura pola Consellería, permitiralle á Xunta de Galicia acadar unha redución importante de custos en enerxía e mantemento. Do gasto total previsto para 2013 só o 55,77% corresponde á Fundación Cidade da Cultura. O resto está repartido entre Agadic, Amtega, Centro de Proceso de Datos Integral e os servizos de bibliotecas e arquivos da Secretaría Xeral de Cultura.

    O traslado ao Gaiás en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Axencia Galega de Industrias Culturais e dos servizos da Fundación Cidade da Cultura, que estaban localizados aínda no Hospital de San Roque, está a favorecer unha concentración de contratos que permite á Xunta acceder a tarifas máis vantaxosas. Deste xeito, estímase que o custe medio do total dos gastos correntes do Gaiás neste 2013 suporá unha rebaixa media dun 18% respecto ao ano anterior.

    Grazas á aprobación do Plan Gaiás, a consolidación dos usos dos catro edificios rematados da Cidade da Cultura fai posible unha xestión plurianual destes servizos, o que se traduce nunha redución dos custos, ao pasar de contratos dun ano de duración a dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous.

    Con este mesmo obxectivo acordouse a suspensión das obras nos dous edificios pendentes: o Centro da Música e das Artes Escénicas e o Centro de Arte Internacional, suspensión que supuxo para o Goberno galego un aforro de 77 millóns de euros.

    Redacción Salnés