As instalacións municipais, obxectivo dos ladróns en Lousame

LOUSAME> Malestar en Lousame por unha nova vaga de roubos. A última acción dos cacos producíase a pasada noite na piscina municipal situada na Silva. A pesar de que non levaron nada de valor, os ladróns causaron numerosos danos nas instalacións.

Se hai unhas semanas, os veciños de Lousame denunciaban o incremento de roubos en vivendas e establecementos comerciais, agora o obxectivo dos ladróns son as instalacións municipais. A pasada semana entraban no campo de fútbol de Cabanetán e onte mesmo facían o propio na piscina municipal. O botín que levan non soe ser moito posto que apenas hai pertenzas de valor nestas espazos.  Son máis cuantiosos os danos que ocasionan que o material subtraído.

A alcaldesa de Lousame fai un chamamento á subdelegación do goberno para que incremente os efectivos policiais mentres que o concello adoptará medidas de seguridade adicionais.

A rexedora apela tamén á necesidade de introducir cambios lexislativos posto que a pesar de que as forzas de seguridade logran deter ós autores dos roubos, están libres en 48 horas e volven reincidir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí