O PP da Pobra propón diversificar o tráfico de mercadorías do porto

    POBRA> O porto da Pobra, primeiro de Europa en descarga de túnidos, constitúe o principal motor económico do municipio. Por esta razón, os populares incluíron no seu programa unha serie de medidas para mellorar as actividades e infraestruturas portuarias. O programa electoral da candidatura do PP pobrense, liderada por Manuel Durán, contempla unha serie de medidas encamiñadas a rendibilizar, aínda máis se cabe, a actividade portuaria. A principal pasaría por diversificar o tráfico de mercadorías aproveitando as posibilidades que ofrece o porto comercial. En canto ó sector produtivo, os populares apostan pola apertura de canais que, a través das correntes, favorecerían a recuperación dos bancos marisqueiros. A candidatura popular non se esquece das instalacións náutico – deportivas para as que plantexa a mellora dos pantaláns e mesmo a creación dunha área recreativa. Para estas instalacións barállanse diferentes emprazamentos que habería que concretar en aras de que a actividade lúdica non interfira no desenvolvemento da actividade portuaria.