A plataforma polo centro de día creará un museo vivo da protesta

    RIANXO> A plataforma polo centro de día de Rianxo creará un centro de interpretación da súa protesta. Pretenden poñer en valor a súa reivindicación converténdoa nun atractivo turístico máis do concello. Tras cento vinte e un días pechados no concello, os membros da plataforma pro centro de día de Rianxo pretenden converterse nun museo vivo da protesta. Así propoñen a creación dun centro de interpretación que dea conta da súa loita que xa se converteu no encerro máis longo de toda España. Ademais de manter viva a súa loita e o seu exemplo, o deseño deste produto turístico suporía un atractivo máis para os visitantes ampliando a oferta de actividades do concello. Paralelamente, a plataforma ten previsto seguir coas súas medidas de protesta con concentracións ante a Xunta e o Parlamento. Non dubidarán ademais en asistir como público ó debate orzamentario na cámara para esixir que se destinen fondos á súa causa.