Arranca a primeira fase da restauración do Castelo da Lúa

    RIANXO> Esta semana deron comezo os traballos de consolidación do Castelo da Lúa en Rianxo. A intervención do xacemento levarase a cabo en dúas fases e estará concluída antes do próximo verán. O orzamento da actuación supera os douscentos mil euros. A primeira fase da intervención no Castelo da Lúa, iniciada esta semana, concluirá antes do quince de decembro. O obxectivo desta obra é consolidar as estruturas existentes de xeito que se poida interpretar mellor o xacemento datado no século XIII. Esta singular fortaleza marítima xa fora obxecto de escavacións no ano 2009 polo que estas obras supoñen un novo paso para a posta en valor deste emblemático vestixio medieval. A segunda fase da obra executarase na próxima primavera. O importe total da actuación ascende a algo máis de douscentos mil euros cofinanciados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o concello. Dentro deste proxecto estase a realizar tamén unha documentación exhaustiva das marcas de canteiro aparecidas nas pedras do Castelo, algunhas exclusivas desta edificación.