AMBAR súmase a unha campaña nacional pola accesibilidade

    POBRA> Os usuarios da asociación de persoas con diversidade funcional AMBAR esta mañá na Pobra protagonizaron unha concentración pola accesibilidade. Trátase dunha iniciativa promovida pola Confederación Españolas de Persoas con Discapacidade, no marco da cal se desenvolveron trinta e cinco protestas simultáneas. Baixo o lema ‘accesibilidade xa’ medio cento de usuarios da asociación AMBAR manifestáronse ás portas do Cine Elma na Pobra. Con este acto e os que se desenvolveron de xeito simultáneo en cidades de toda España pretenden denunciar a existencia de barreiras en tódolos ámbitos que vulneran a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade. Ademais da accesibilidade universal non só na contorna senón tamén nos bens, servizos e produtos reclaman o rigoroso cumprimento da lexislación vixente na materia así como o desenvolvemento dunha lei de infraccións que implique sancións e a colaboración cidadá á hora de denuncialas. Só así, a través da concienciación e o compromiso de toda a sociedade, será posible derrubar as barreiras que a día de hoxe seguen a vulnerar os dereitos das persoas con discapacidade.