Portos destinará trece millóns a infraestruturas portuarias en 2018

    BARBANZA> Portos de Galicia investirá trece millóns de euros en infraestruturas durante o 2018. Destaca a dotación de pantaláns en varios peiraos arousáns así como os proxectos de remodelación do bordo portuario en Noia e Portosín. O presidente de Portos de Galicia compareceu no Parlamento para dar conta dos orzamentos do ente público de cara ó vindeiro exercicio. O investimento en infraestruturas portuarias ascenderá ata os trece millóns de euros, un noventa por cento máis que no pasado ano. Entre as principais actuacións destaca a creación de novos pantaláns nos portos do Xufre, Cabo de Cruz e Vilaxoán así como a ampliación dos existentes en Porto do Son e Portosín. En canto ás obras para o acondicionamento de espazos portuarios, José Juan Durán destacou os proxectos de remodelación do bordo marítimo de Noia e de Portosín así como o vial de acceso ó porto de Ribeira. Acometeranse ademais noutros portos galegos a mellora de defensas e puntos de amarre, o reforzo dos abrigo ou obras de dragaxe dos fondos. Por último, o titular do departamento autonómico referiuse ó proxecto de sinalización dos polígonos de bateas que en 2018 recibirá douscentos mil euros. Trátase dun plan plurianual que conta cun investimento total de oitocentos cincuenta mil euros.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí