Cobas: ‘O BNG non está disposto a blanquear a mala xestión do señor Ruíz no proxecto do novo auditorio’

RIBEIRA> Segue a polémica ó redor do proxecto do novo auditorio. O BNG acusa ó alcalde Manuel Ruíz de irresponsable, recriminándolle o que, ó seu xuízo, é unha nefasta xestión pola súa parte en canto a este asunto. Para os nacionalistas non se pode responsabilizar á oposición dun problema xerado única e exclusivamente polo rexedor e o seu equipo de goberno.

Para o BNG os argumentos esgrimidos polo alcalde na súa última comparecencia ante os medios para aclarar á veciñanza en que punto se atopa o proxecto do novo auditorio e as solucións que se están a buscar para seguir adiante co mesmo non foron as máis acaídas. O feito de responsabilizar ós grupos da oposición da posible perda de diferentes subvencións por un importe de preto dos tres millóns de euros non vén máis que a evidenciar, segundo eles, a súa nefasta xestión neste asunto.

Para os nacionalistas, con esta xestión, o goberno municipal perde toda credibilidade para xestionar grandes proxectos. Pasou xa no mercado municipal que tivo que saír licitado dúas veces; pasou coa EDAR e agora volta a producirse co auditorio, que comezou cun orzamento de dous millóns e medio de euros e agora xa está orzamentado en preto dos cinco.

A incógnita manterase polo menos ata o luns. A corporación celebrará ese día unha sesión plenaria na que se decidirá si seguir adiante ou non co actual proxecto.