Máis policía e medidas de autoprotección para acabar cos roubos

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira fai un chamamento á tranquilidade tralo incremento dos roubos das últimas semanas. Ademais do reforzo da presenza policial anima ós comerciantes a tomar medidas de autoprotección, como a colocación de reixas ou alarmas.

Os numerosos roubos rexistrados nas últimas semanas nos comercios de Ribeira son froito da presenza de determinados delincuentes habituais que se atopaban en liberdade. Así o entende o alcalde de Ribeira que fai un chamamento á tranquilidade en contra da alarma social xerada a raíz destes episodios. Cos datos na man Manuel Ruíz apunta á redución dos índices de criminalidade no último ano.

Aínda asi, dende o concello incrementarán a presenza policial nas zonas onde se concentran os comercios. Para evitar os roubos tamén aconsellan adoptar medidas de protección nos propios locais para disuadir ós ladróns.

Manuel Ruíz apela á colaboración cidadá e á confianza nas forzas de seguridade tal e como amosa o alto índice de resolución de casos con numerosas detencións relacionadas cos últimos roubos.