Os pontevedreses saen á rúa para esixir un hospital único no 2010

    manifestacionhospital100_160307_.jpgPONTEVEDRA > ‘Polo Hospital Único’ ou ‘Merecemos un hospital mellor’. Son algunhas das pancartas

    …que amosaron os máis de 3.000 pontevedreses na manifestación de onte na capital. Tanto o candidato do BNG e actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e o candidato do PP Telmo Martín participaron nesta marcha convocada pola Federación de Veciños Castelao, arroupada tamén polos sindicatos e o colexio de médicos.

    Miles de pontevedreses saíron a rúa para esixir á Consellería de Sanidade un hospital único. Unha manifestación que, segundo a Policía Nacional, congregou a unhas 3.000 persoas e, segundo os organizadores, a 10.000. Unha cita que, en todo caso, reuniu á metade de manifestantes que hai sete anos.

    Os organizadores desta manifestación, a Federación de Veciños Castelao, deixou ben claro ás súas demandas en boca do seu portavoz Ángel Mario Lago. Lago asegurou que dende a federación esixen a unión entre o Hospital Provincial e Montecelo e piden que o hospital único sexa unha realidade no 2010. Ademais reclaman medidas para paliar as carencias que sofren a atención primaria e urxencias.

    Entre tódolos pontevedreses que se achegaron ó acto destacaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o candidato do Partido Popular, Telmo Martín. Xuntos, pero non revoltos. O segundo pide tamén un hospital único pero decántase por un complexo totalmente novo.

    Fernández Lores asistiu á manifestación e expresou que o hospital único é unha demanda social da poboación de Pontevedra. Apuntou que a boa saúde da sanidade esixirá un gran esforzo tanto por parte das administracións como por parte dos cidadáns.

    Redacción Salnés