NOIA> O concello de Noia vén de solicitar a desafectación da zona deportiva de San Lázaro. O obxectivo é que os terreos sexan de titularidade municipal para poder axilizar as melloras previstas no estadio e instalacións anexas.
Aproveitando que está próxima a renovación da autorización de uso das instalacións deportivas de San Lázaro, o concello solicitou formalmente á Demarcación de Costas a súa desafectación.
O paso destes terreos a titularidade municipal suporía unha importante axilización dos trámites á hora de actuar nas instalacións deportivas, nas que o concello plantexa unha serie de melloras.
Tras varias xuntanzas mantidas cos técnicos da Demarcación de Costas e, en base á memoria presentada polo concello, agardan que o expediente administrativo se resolva favorablemente no prazo estimado dun ano.











