A comunidade educativa da Pobra sae á rúa en contra da violencia

    POBRA> Os alumnos de tódolos centros educativos da Pobra participaron este mediodía na concentración en contra da violencia de xénero. Ademais de gardar un minuto de silencio e ler un manifesto, os escolares procederon a unha solta de globos en memoria das vítimas. En vista do amplo programa de actividades desenvolvidas o pasado venres para conmemorar o Día contra a violencia de xénero, en algúns concellos como o da Pobra, decidiron celebrar os actos centrais este mediodía. A manifestación celebrada na praza Alcalde Segundo Durán contou coa participación de toda a comunidade educativa así como os usuarios do Centro de Atención á discapacidade. O acto arrancou cun minuto de silencio en memoria das vítimas e a lectura dun manifesto sobre a necesidade dunha maior implicación institucional para rachar definitivamente con esta lacra. Nos mesmos termos expresouse o alcalde na súa intervención na que apelou ós máis pequenos a promover unha sociedade libre do machismo que reside trala violencia contra as mulleres. A continuación, cada un dos centros escolares realizou unha intervención. Dende un rap ata a exhibición de carteis e a lectura de proclamas contra a violencia. O acto rematou coa solta de globos negros: un por cada unha das mulleres asasinadas no que vai de ano.