A Deputación destina vinte mil euros á dinamización do Pozo do Cachón

    MUROS> A Deputación da Coruña aprobou un convenio de colaboración co concello de Muros para o financiamento de actividades no Pozo do Cachón. O órgano provincial destinará vinte mil euros para sufragar parte da programación cultural que acolle este centro cultural. O antigo muíño do Pozo do Cachón é, na actualidade, un dos referentes turísticos de Muros. Reconvertido en museo, este espazo cultural acolle todo tipo de actividades relacionadas coa arte e a cultura, como exposicións, proxeccións ou presentación de libros. Co obxectivo de seguir a dinamizalo, a Deputación da Coruña asinou un convenio co concello para o financiamento da súa programación cultural. Ademais da oferta cultural que ofrece o centro durante todo o ano, este convenio permite promover outro tipo de actividades que xiran ó redor deste entorno, como as visitas guiadas que o inclúen no seu itinerario, co obxectivo de facer del un dos atractivos turísticos de Muros durante todo o ano. Parte dos vinte mil euros que establece o convenio destinaranse tamén á montaxe de exposicións temporais, unha mostra de artesanía ou a edición de material gráfico e audiovisual sobre a historia do muíño.