Éxito de público nas II Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia

    NOIA> Éxito da segunda edición da exaltación do berberecho celebrada esta fin de semana en Noia. Máis de tres mil persoas participaron na degustación popular do domingo na que se serviu arroz con berberechos e empanada. As longas colas que se formaron ó redor da carpa instalada na alameda dende moito antes da súa apertura dan idea do éxito desta degustación na que se serviron entre tres mil e catro mil racións de berberecho. Con arroz ou en empanada, os comensais deron boa conta das dúas especialidades, destacando a excelente calidade da materia prima posto que o berberecho se atopa nun momento óptimo. A degustación popular puxo o punto e final ás xornadas de exaltación do bivalvo iniciadas o xoves coa visita de Alberto Chicote. O venres inauguráronse as xornadas técnicas coa asistencia de numerosos expertos que, ademais de analizar diversos aspectos sobre o cultivo e a comercialización do berberecho, avanzaron na necesidade de conseguir un selo de calidade. En vista do éxito desta segunda edición, as xornadas teñen garantida a súa continuidade en vindeiros anos nos que o concello, a confraría, Noia Histórica e as entidades colaboradoras seguirán a sumar esforzos para poñer en valor o principal recurso da economía noiesa.