CAMBADOS> O BNG fai un chamamento á calma e á responsabilidade para solucionar a crise de goberno en Cambados. En rolda de prensa, os nacionalistas quixeron lanzar unha mensaxe de tranquilidade, insistindo en que eles seguen abertos ao diálogo. O seu voceiro, Víctor Caamaño, pediu a todos os seus socios de goberno que acudan á xuntanza prevista para este venres. Unha cita á que José Ramón Abal, de Cambados Pode, non pretende asistir. Ante a reapertura da crise do cuatripartito cambadés, o BNG aposta polo ton conciliador. Os nacionalistas fan un chamamento á calma e á responsabilidade. Para o voceiro cambadés, a reunión do pasado sábado serviu para avanzar nos aspectos que ata o de agora provocaron os enfrontamentos no seo do cuatripartito. Gran parte dos esforzos diríxense a evitar os solapamentos das áreas, e a conseguir un traballo máis coordinado. En canto á portavocía, José Ramón Abal considera insuficiente o compromiso da alcaldesa de asumir máis peso neste papel que comparte con Somos Cambados. Víctor Caamaño, pola súa banda, confía na palabra dos seus socios. Segundo Víctor Caamaño, a intención é pechar estas cuestións no encontro convocado para este venres. Por iso pediron a todos os seus socios que asistan á cita. Caamaño desbotou a idea de que o pacto de goberno estea roto xa que, apuntou, todos os edís contían a desempeñar as funcións que lles foron atribuídas no documento asinado a principios do mandato.
Inicio Salnés - Caldas