VILAGARCÍA> A Deputación de Pontevedra mobilizou 8,7 millóns de euros nos nove concellos da comarca do Salnés na primeira convocatoria do Plan Extra. É un dos datos que achegou Luis López no acto para facer balance deste programa. Segundo o presidente provincial, os 7 millóns de euros achegados polas arcas da Deputación permitiron levar adiante numerosas obras que agardaban a contar con financiamento.
O Plan Extra da Deputación de Pontevedra mobilizou na comarca do Salnés 8,7 millóns de euros na súa primeira convocatoria. Deles, o organismo provincial achega 7 millóns. É o balance que deixa o presidente provincial, Luis López.
Actualmente, son nove os proxectos que no Salnés están a executarse ao abeiro deste Plan Extra. Nalgúns casos, financiados ao 100% con fondos da Deputación pontevedresa.
A ampliación das piscinas de Fontecarmoa, a mellora da mobilidade peonil dende Ponte Dena ata a costa en Meaño, a rehabilitación do edificio multiusos de Portonovo en Sanxenxo, a ampliación dos servizos co campo de fútbol e do pavillón de Ribadumia ou o proxecto do centro de talasoterapia do Terrón, en Vilanova, son algúns dos proxectos postos en marcha con fondos deste plan.
Noutros casos, a Deputación chega a cubrir todo o investimento, combinando os plans +Provincia e o Extra. É o caso da reforma e posta en valor do Pazo Torrado e os seus xardíns en Cambados e de varias actuacións de humanización: a contorna de Sineiro no Grove, das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde Manuel de Graña na Illa e da rúa Igrexa en Meis.











