SANXENXO> As polémicas obras da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo, enfilan o seu treito final. A Deputación agarda que os traballos de humanización poidan inaugurarse o 22 de decembro, trala instalación das árbores nas beirarrúas e o mobiliario urbano. O 22 de decembro é a data fixada pola Deputación de Pontevedra para a inauguración da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo. Telmo Martín amosábase satisfeito cos resultados da obra, que humanizan unha importante vía de acceso e saída á vila. Ao proxecto inicial, súmase agora o acondicionamento dunha parcela de 200 metros cadrados que xa é titularidade municipal. A actuación permitirá a continuidade da beirarrúas nese treito. Os operarios tamén traballan no remate da pavimentación da avenida e a colocación de árbores e mobiliario urbano, para finalizar unha obra de gran importancia para o goberno provincial. Durante a súa visita, Uxío Benítez e Telmo Martín afastáronse da polémica que rodeou hai uns meses estes traballos. O desencontro remataba coa rotura do tripartito que gobernaba o concello e que encabezaba Gonzalo Pita, que entregaría a alcaldía ao popular Telmo Martín.
Inicio Salnés - Caldas