Medio Ambiente iniciará a tramitación do PRUX do Parque Natural de Corrubedo en 2018

    RIBEIRA> A consellería de Medio Ambiente ten previsto iniciar a tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión do parque Natural de Corrubedo o vindeiro ano 2018. Así llelo anunciou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, ós membros da Xunta Consultiva do Parque. A Xunta de Galicia prevé iniciar a tramitación do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan en 2018. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, fixo este anuncio na reunión da Xunta Consultiva do parque, onde avanzou que a principios do vindeiro ano se contactará cos sectores implicados para consensuar a redacción deste documento. Ana María Díaz destacou que o Goberno Autonómico xa traballa nun documento de inicio, que se presentará e no que se irá traballando de forma participada e consensuada. Ademais explicou que o obxectivo é acadar un documento que sirva para conservar o parque natural regulando os usos que se desenvolven, co fin último de que a xestión deste espazo permita compatibilizar a actividade tradicional coa preservación do medio. O futuro Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque determinará os programas que fagan compatible a protección dos espazos protexidos co uso público e que se desenvolverán en colaboración con outros departamentos administrativos da Xunta. Durante a reunión a directora xeral de Patrimonio Natural aproveitou tamén para presentar a memoria das actividades desenvolvidas neste espazo durante o presente ano e recordou que a Xunta investiu máis de 230.000 euros en distintas actuacións de mantemento e conservación do parque. Entre elas, destacou a posta en marcha do servizo para o deseño e execución das campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza e educación ambiental, que se manterá tamén durante o 2018.