O BNG da Pobra solicita a mellora do aparcadoiro de San Lázaro

POBRA> Os nacionalistas denuncian o mal estado do firme desta zona de estacionamento a carón da estrada AC-305 e a falla de sinalización.

A través dunha moción que levarán a pleno a vindeira semana, o BNG solicita a mellora do aparcadoiro de San Lázaro, empregado a cotío por un gran número de persoas para deixar os seus vehículos. Aínda así os nacionalistas denuncian o mal estado desta zona de estacionamento, cun firme deficiente, e que carece de sinalización, tanto horizontal coma vertical. Dende o BNG tamén apuntan á necesidade de delimitar as prazas para os vehículos.