O IGAFA celebra o seu 25 aniversario recibindo aos seus antigos alumnos

    A ILLA DE AROUSA > O Instituto Galego de Formación en Acuicultura celebrou hoxe os actos do seu 25 aniversario. Nas súas instalacións da Illa de Arousa congregáronse esta mañá boa parte das persoas que alí recibiron formación no último cuarto de século. Con 25 anos de traballo ás súas costas, o IGAFA é o único centro de Galicia que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo. Inaugurado no ano 92, polas súas aulas pasaron ó longo destes anos ducias de persoas, chegadas dende moitos puntos do mundo. Hoxe, moitos deses exalumnos regresaron ao complexo de Niño do Corvo para lembra-la súa experiencia no centro. Unha visita que serviu para que a Xunta recoñecese a súa valía, agora xa como profesionais do sector. Quintana aproveitou para anunciar un incremento dos fondos destinados á formación marítimo-pesqueira nun 2,5 % no ano 2018, chegando case ós 9 millóns de euros. O Conselleiro de Educación, pola súa banda, reivindicou a necesidade de tender pontes entre os centros educativos como este, independentemente da especialidade á que pertenzan, para que o alumnado mellore a súa formación, baseada en estándares de calidade e innovación. Para iso, quixo salienta-la traxectoria do propio IGAFA, convertido xa nunha das grandes referencias formativas no mundo do mar. O aniversario do Instituto Galego de Formación en Acuicultura completouse hoxe cunha degustación gastronómica de produtos da acuicultura, cociñados polos alumnos do Carlos Orosa de Pontevedra. A conmemoración do 25 aniversario compleméntase cunha completa mostra na que se recolle a traxectoria e actividades do centro, así como as orlas do alumnado dende o ano 95.