Cambados ‘protexerá dos recortes’ o seu centro de saúde cunha cadea humana

CAMBADOS> O concello de Cambados fai un chamamento á veciñanza a protexer o seu centro de saúde. O vindeiro sábado ao mediodía o goberno local convoca unha cadea humana no entorno do ambulatorio. Será unha acción enmarcada nas mobilizacións contra a supresión das consultas polas tardes.

Rodear o centro de saúde cunha cadea humana. Esta é unha das accións que prepara a concellería de sanidade de Cambados para protestar contra a supresión das consultas polas tardes. A cita será o vindeiro sábado ao mediodía.

Será un dos actos centrais, pero non o único. O concello tamén porá cartaces no propio centro de saúde e iniciará a recollida de sinaturas contra os recortes do Sergas. Ademais, Somos Cambados presentou unha moción contra o peche que se debaterá no pleno de decembro.

Con estas accións, tanto dende o concello como dende Somos Cambados queren poñer o foco sobre os recortes en sanidade que sofre o centro de saúde cambadés. Tamén alertan da posibilidade de que rematen por converterse en algo permanente.

Cordal tamén se dirixiu ao Sergas para pedirlle explicacións pola instlaación de máquinas expendedoras no centro de saúde, sen solicitar autorización previa nin informar ao concello, titular do edificio.