CAMBADOS> A decisión do presidente estadounidense Donald Trump de impoñer aranceis ás importacións afecta de cheo ao sector vitivinícola. Así as cousas, dende as principais cooperativas da Denominación de Orixe Rías Baixas analizan a situación con prudencia. Confían en que o bo posicionamento dos seus viños axude a capear o temporal, sobre todo nestes momentos de maior incerteza. Polo de momento, non saben como lles van a afectar estes novos aranceis xa que pecharon boa parte das vendas a Estados Unidos antes do conflito.
A preocupación e a prudencia están a marcar a reacción de tres das principais cooperativas da Denominación de Orixe Rías Baixas ante a nova política arancelaria dos Estados Unidos.
No caso de Martín Códax, a cooperativa cambadesa xa ten en terra estadounidense 400.000 botellas dos seus viños. Ou o que é o mesmo: a contía necesaria para abastecer os mercados ata case a tempada do Nadal. Situación que lles dá certa tranquilidade a curto prazo.
Diferente é o caso de Paco y Lola. A cooperativa meañesa está pendente de pechar os acordos cos seus importadores. Así as cousas, están convencidos de que seguirán exportando a Estados Unidos.
Ademais, Paco y Lola ten mercadoría retida en aduanas, pendente de poder entrar en territorio de Estados Unidos. Situación na que están algunhas das empresas que se adiantaron a realizar envíos antes da entrada en vigor dos aranceis. Solucionar esta situación é unha das prioridades da adega.
As adegas confían na fortaleza do posicionamento do albariño, que xa resistiu outras crises como a económica do 2010, os aranceis de 2019 ou a causada pola COVID. Así as cousas, recoñecen certa preocupación polo impacto que esta guerra comercial pode ter na economía mundial.
O estadounidense é o principal mercado internacional para a Denominación de Orixe Rías Baixas. Na última campaña comercializáronse 2,8 millóns de litros, e os seus viños están entre os brancos de exportación preferidos polos consumidores.











