O Comedor Social de Cáritas de Vilagarcía renova as súas instalacións

    VILAGARCÍA > O director xeral de Inclusión Social da Xunta visitou esta mañá as renovadas instalacións do Comedor Social de Cáritas, en Vilagarcía. Entre as melloras, salienta a renovación do chan e o arranxo dos baños. En total, investíronse preto de 23.000 euros. Dende hai uns días, o Comedor Social de Cáritas en Vilagarcía goza dunhas renovadas instalacións, que permiten facer máis levadeira a estadía das persoas sen recursos que as empregan acotío. Entre as actuacións, a máis demanda polos usuarios, traballadores e voluntarios do centro era a substitución das vellas e esvaradías baldosas por un novo pavimento, máis seguro. Tamén se renovaron por completo os baños do centro, instalouse nova iluminación de tipo led e se repintaron todas as dependencias. En total, un investimento de algo máis de 23.000 euros, con fondos procedentes en boa medida da Xunta. Neste exercicio, de feito, o goberno galego destinou para Cáritas Interparroquial de Vilagarcía un total de 83.000 euros destinados ó bo funcionamento do comedor, á súa conservación e ó bo funcioanento da Casa de Acollida de San Cibrán, en Vilaxoán. O director xeral aproveitou a xornada para visitar tamén o Centro Sociocomunitario de Vilaxoán, segundo os seus responsables “un espazo completamente dotado” para uso e goce dos maiores da zona, e tamén das xeracións máis novas.