Pose comeza unha rolda de visitas ás parroquias do municipio

    VISITA_MODESTO_CORNAZOcopy.jpgVILAGARCÍA> Onte visitou Cornazo onde se comprometeu á recuperación do entorno do río Lomba e a estudar melloras viarias.

    O candidato socialista á alcaldía de Vilagarcía, Modesto Pose, comezou onte unha rolda de visitas ás parroquias do municipio. Nesta ocasión, xunto ó edil Manuel Rodríguez Cuervo, Lino Mouriño e Fernando Quintela desprazáronse ata Cornazo para manter unha xuntanza con diferentes asociacións da zona.

    Ó encontro asistiu unha representación da Asociación de Veciños, da Asociación de Mulleres Rurais, da Comunidade de Montes, da Asociación Cultural Xeada e do Club de Fútbol San Pedro de Cornazo.

    Alí, os diferentes colectivos achegáronlles as súas inquedanzas e reivindicacións para a parroquia. Todos, coincidiron na posible mellora de algúns aspectos viarios como son o maior control da subida e baixada da saída da circunvalación ata Vilagarcía e facilitar, na medida do posible, a saída do campo de fútbol no seu acceso á estrada de Lobeira.

    Ademais, expuxeron as súas impresións sobre a relación existente entre o concello e a asociación de veciños e posibles melloras, non só con este colectivo, senón, sinalan desde o grupo socialista, co funcionamento da administración municipal.

    Pola súa banda, o candidato socialista, Modesto Pose, comprometeuse a ter vías directas de comunicación cos veciños. Ademais de amosar a súa dispoñibilidade para atender as peticións destes colectivos, expuxo a súa vontade para recuperar o entorno do río Lomba.

    Con este primeiro encontro, os socialistas abren unha nova liña de entrevistas que se suma, indican desde a formación, ás xuntanzas con entidades e colectivos vilagarciáns, así como á rolda de debates abertos que se inician hoxe no Auditorio municipal, ás oito da tarde, coa materia de Políticas Sociais.

    Redacción Salnés