O PP reclama unha estratexia de difusión turística para o Bosque de Colón, en Poio

POIO > O PP de Poio denuncia a “falta de interese” do goberno local para dinamiza-lo coñecido como Bosque de Colón, un espazo natural que celebra o seu 25 aniversario. Os populares cren que o parque, cunha curiosa plantación de 500 secuoias, podería ser outro polo de atracción para o turismo da vila. Hai agora 25 anos nacía o Bosque de Colón, un pintoresco espazo natural con vistas á ría de Pontevedra que conmemoraba o 500 aniversario do descubrimento de América. Dende alí, precisamente chegaron a Poio as 500 secuoias vermellas californianas plantadas neste monte. Foi un agasallo do goberno dos Estados Unidos, aprobado polo Congreso e o Senado daquel país, para conmemorar a chegada de Colón ó continente americano. Un cuarto de século despois, o aniversario deste parque pasou desapercibido. Así o denuncia, polo menos, o PP da localidade. Os populares lamentan que os actos conmemorativos durante os últimos meses foron moi discretos. Cren que o goberno local debería ter impulsado algún tipo de iniciativa para dar a coñece-lo Bosque e incentiva-lo turismo non só de Poio, senón que tamén de todas as Rías Baixas. Reclaman tamén unha estratexia de difusión da zona, como un bo complemento para os grandes polos de atracción de visitantes, como Combarro ou Raxó. O 2017 en Poio está a ser o ano do bosque de Colón, despois de que o PP levase a pleno a moción ata en tres ocasións.