Poio xa presume de bandeiras azuis nas praias de Cabeceira e Xiorto

POIO> As praias de Cabeceira e Xiorto, no concello de Poio, xa presumen de bandeira azul. O concello izou os distintivos co inicio do mes de xullo, garantindo que estes areais contan con todos os servizos, unha calidade de auga excelente e que están vixiados por socorristas.

A bandeira azul xa loce nas praias de Cabeceira e Xiorto, no concello de Poio. Uns distintivos que garanten que os areais afrontan esta tempada estival con todos os servizos necesarios. Tamén con socorristas.

Este é o segundo ano que Xiorto conta con este recoñecemento. Recuperouno na tempada pasada despois de sete anos sen contar con el. Pero o concello non se conforma con estas dúas bandeiras. Xa pensan en dotar outros areais, como Sinás ou Laño, dos servizos necesarios para que este distintivo poida izarse tamén neles.

Así as cousas, dende o concello matizan que a súa aposta por garantir a calidade e o bo estado dos areais esténdese a todas as praias do municipio. De feito, nas últimas semanas intensificou a súa posta a punto con diferentes intervencións.

Ademais destas dúas bandeiras azuis nas praias, Poio conta con catro Sendeiros Azuis, que xa están visibles nas rutas do Laño, dos Muíños de Samieira, no litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués. Tamén conseguiron o recoñecemento ao Centro Azul para a Casa Museo de Cristóbal Colón, consolidando a oferta ambiental e turística do municipio.