Galicia disporá dun catro por cento máis de posibilidades de pesca no 2018

    GALICIA> As cotas pesqueiras para o 2018 permitirán á flota galega pescar un catro por cento máis. Así o destacou a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen representou ás comunidades autónomas no debate da comisión europea de Pesca. Satisfacción no seo da Consellería do Mar ante o resultado das negociacións das cotas pesqueiras para o próximo ano. Galicia disporá de vinte mil toneladas máis de peixe e marisco, un catro por cento máis con respecto á proposta inicial da Comisión Europea. Os principais avances céntranse na pescada que finalmente se reducirá nun doce por cento no Cantábrico noroeste e un sete no Gran Sol, en lugar do trinta proposto en principio. Pola contra, increméntase a cota do galo e, especialmente da rais, nun quince por cento e mantense a do rape. A nota negativa vén da man do xurelo posto que non se conseguiu frear a caída na zona XI A. A este respecto, Rosa Quintana indiciou que existe a posibilidade de trasvasar cota da zona oitava C que rexistrou un incremento do 21 por cento. En canto ó reparto por segmentos de flota, a Conselleira destacou a boa situación na que queda o Gran Sol mentres que no que respecta á flota costeira, especialmente a de artes menores, é necesario mellorar a xestión nalgunhas especie como por exemplo a pescada. Neste punto xa se iniciaron as conversas co presidente da Federación nacioal de confrarías para a elaboración dun plan de xestión trimestal que axuste o esforzo pesqueiro ás posibilidades de pesca.