Noia inicia a consolidación de estruturas na Chaínza

NOIA> Iniciadas as obras de consolidación da antiga fábrica da Chaínza, en Noia. Mentres se desenvolven os traballos iniciais, o executivo traballa xa na busca de financiamento para a reforma integral deste inmoble que se destinará a diversos usos culturais e turísicos. O concello asume as obras de rehabilitación das estruturas da Chaínza para garantir a súa consolidación e sentar as bases dun futuro complexo que albergará dependencias culturais, museísticas e mesmo servizos turísiticos. Nos vindeiros exercicios, o concello traballará tamén na busca de financiamento para habilitar nesta contorna a sede do conservatorio, un auditorio e sala de usos múltiples. Un proxecto ambicioso, que podería precisar de máis dun millóns de euros de investimento. Está previsto que nos próximos meses se convoque un concurso de ideas entre os estudos de arquitectura para definir polo miúdo os proxectos a desenvolver nestas instalacións municipais. Ademais das obras de consolidación que se están a acometer, o executivo xa realizou traballos de acondicionamento da contorna como o empedrado, a limpeza dos ríos e a restauración dun antigo lavadoiro.