VILAGARCÍA > O BNG presentará no Parlamento de Galicia unha emeda de devolución á Lei de Saúde, aprobada hai uns días no Consello da Xunta. Nunha xuntanza con persoal do Hospital do Salnés, a voceira nacional do Bloque denunciou que coa nova lei o goberno galego pretende converte-lo centro nun “gran ambulatorio” sen as prestacións propias dun hospital. O BNG cualifica a nova Lei de Saúde de “atentado á sanidade pública”. Durante unha xuntanza coa Xunta de Persoal do Hospital do Salnés, os nacionalistas anunciaron que van presentar no Parlamento galego unha emenda de devolución á norma, aprobada hai uns días polo Consello da Xunta. Segundo indican, no texto evidénciase que o obxectivo do Partido Popular non é outro que o desmantelamento e o deterioro do sistema sanitario, para favorecer dese xeito a sanidade privada. A voceira nacional do Bloque lamentou que o PP se opuxera a aumenta-lo cadro de persoal do hospital e tamén o número de celadores. Ante esta situación e coa nova lei pendente de inicia-lo seu trámite parlamentario, a Xunta de Persoal do centro reivindica o dereito a que a comarca conte coa mellor das sanidades. A vindeira semana celebrarase unha nova xuntanza para determina-las novas liñas de actuación da plataforma en defensa da sanidade pública.
Inicio Salnés - Caldas