Lousame volverá licitar a xestión do albergue de Toxosoutos

    LOUSAME> O concello de Lousame prevé sacar a licitación a xestión do albergue de Toxosoutos nos primeiros meses de 2018. Despois de que empresa adxudicataria renunciara, xa son tres as firmas que se interesaron pola instalación. O concello de Lousame iniciou xa os trámites para volver a sacar a licitación a xestión do albergue de Toxosoutos, un dos puntos máis visitados do municipio pola súa importancia natural, histórica e patrimonial. A alcaldesa estima que o proceso podería estar resolto de cara á primavera, cando abriría as portas novamente a instalación. A reapertura do albergue sería ademais un novo paso no camiño que están a percorrer tódolos concellos da comarca para conseguir o recoñecemento como camiño de Santiago oficial.