A protectora de animais de Vilagarcía vai recibir este Nadal o 7% das vendas da cervexa Extrema de Arousa

    VILANOVA > A protectora de animais de Vilagarcía vai recibi-lo 7% de todas as vendas da cervexa “Extrema de Arousa” durante este Nadal. Esta mañá a asociación e a empresa cervexeira asinaron un acordo que permitirá ó colectivo afrontar algunhas das necesidades máis urxentes no seu centro. Dende hoxe e ata o vindeiro 15 de xaneiro mercar unha Extrema de Arousa ten tamén un fin solidario. A empresa decidiu doa-lo 7% de tódalas súas vendas á Protectora de Animais de Vilagarcía. Un pequeno xesto que, segundo din dende a empresa, demostra o compromiso social da Extrema. Con 200 cans e 120 gatos baixo o seu teito, a protectora de Vilagarcía recibe estes cartos como auga de maio, en pleno Nadal. Dende a asociación recoñecen que toda axuda é pouca porque están por riba do dobre da súa capacidade. Os representantes da protecctora aproveitaron a ocasión para facer un chamamento á responsabilidade a todas aquelas persoas que teñan pensado agasallar unha mascota neste Nadal. Demandaron tamén que todos os animais sexan identificados, o que aliviaría –din- o número de mascotas internadas no centro. A cervexa Extrema de Arousa pódese beber en máis de 70 locais de Arousa e tamén en arios establecemento de alimentación.