Seguen os problemas co lixo na Serra do Barbanza

MUROS-NOIA> Continúan as queixas pola deficiente recollida do lixo nos concellos que integran a a Mancomunidade Serra do Barbanza. Imaxes coma estas de contedores ateigados de lixo son bastantes habituais en diversas zonas de Porto do Son, Muros ou Noia. A situación vénse padecendo dende hai máis dunha semana cos prexuízos que iso conleva, fundamentalmente malos olores e problemas de salubridade…e máis en pleno verán con temperaturas por riba dos 25 graos. Ós problemas de saúde pública hai que engadirlle tamén a mala imaxe que a situación está a provocar…e máis co elevado número de turistas que estes días visitan a comarca. Ó parecer a situación é máis complexa naquelas zonas máis afastadas e de difícil acceso, lonxe dos cascos urbanos, a onde non pode acceder o camión pequeno que é un dos que permanece actualmente avariado. A  empresa FCC que xestiona o Complexo Medioambiental de Servia, lamenta as incomodidades que esta situación supón para os veciños, culpando coma única responsable, á Mancomunidade Serra do Barbanza, que, segundo ela, leva cinco anos retrasando a renovación da flota de vehículos de recollida, o que deriva nestes problemas no servizo.