A Deputación pon a disposición de Vilagarcía 2.500.000 euros do Plan Concellos

VILAGARCÍA> A Deputación de Pontevedra pon a disposición do concello Vilagarcía 2 millóns e medio de euros para o desenvolvemento de proxectos na localidade este ano e o que vén. A partida, procedente do Plan Concellos, supón un incremento do 72% con respecto ó 2017.

O alcalde vilagarcián asegurou que o seu equipo xa ten pensados os proxectos nos que se van investi-los cartos, pero que antes de facelos públicos llos quere facer chegar ós grupos da oposición.

Alberto Valera aproveitou a xuntanza con David Regades para reclamar á Xunta un plan de investimentos semellante ó da Deputación pontevedresa, na que os municipios gozan de autonomía á hora de decidi-lo destino das achegas. O rexedor puxo como exemplo de bo facer o novo modelo de reparto de fondos do equipo de Carmela Silva.

O alcalde mailo deputado provincial aproveitaron para supervisa-las obras da escola infantil de Vilaxoán, que se está a construír con fondos do Plan Concellos do 2016. Segundo Ravella, o centro debería estar rematado no segundo semestre deste ano, a pesar do “laberinto de tubaxes”, dixo o alcalde, que se atoparon na parcela.

Outra mellora que se vai acometer de xeito inminente na vila é o arranxo da praza de Galicia, tamén con cargo ó Plan Concellos da Deputación. Alberto Varela indicou que a reforma dese espazo vai comeza-la semana que vén, obrigando a Ravella deseñar un plan de reordenación do tráfico na zona.