O Goberno Local licitará en febreiro as obras para os campos de herba sintética en Campañó e Ponte Sampaio

Pontevedra> O Goberno Local agarda poder asinar o convenio coa Deputación de Pontevedra neste mes para os campos de herba sintética en Campañó e Ponte Sampaio. Estes dous equipamentos terían un custe de 2 millóns 400 mil euros que asumirá integramente a Deputación pero as obras serán executadas polo concello. Uns traballos que o BNG agarda poder licitar no vindeiro mes.

Neste mes de xaneiro Concello de Pontevedra e Deputación asinarán un convenio por un importe de 2 millóns 400 mil euros para o financiamento dos campos de herba sintética de Campañó, 999 mil euros e o de Ponte Sampaio, 1 millón 400 mil euros.

O obxectivo para o concello é poder licitar estas obras no vindeiro mes de febreiro. Uns traballos financiados integramente pola Deputación.

As obras terán un prazo de execución duns oito meses, polo que o Goberno municipal espera que poidan ser utilizados antes de que finalice este 2018.

O campo de fútbol de Campañó, situado xunto ao futuro parque forestal da Tomba, trátase dun terreo cedido pola comunidade de Montes da zona, unha cesión que será por 30 anos prorrogable por 30 máis.