O xuízo ao traballador de Ence acusado de atentar contra Lores queda nunha multa de 180 euros

PONTEVEDRA> O xuízo ao traballador de Ence acusado de atentar contra o alcalde de Pontevedra queda nunha multa de 180 euros. O empregado chegou a un acordo coa Fiscalía. Recoñeceu os feitos a cambio dunha rebaixa na petición inicial dun ano de cadea e unha multa de 1.500 euros.

Entre aplausos saía da Audiencia Provincial Ramiro Cerdeira, acusado de atentar contra o alcalde de Pontevedra. O traballador de Ence logrou evita-lo xuízo logo de chegar a un acordo de conformidade coa Fiscalía. Queda como un delito leve de falta de respecto á autoridade. Terá que pagar unha multa de 180 euros.

Os feitos remóntanse ao 11 de marzo de 2021. Logo de que un grupo de traballadarores de Ence pertencentes a CCOO asaltasen a Casa do Concello, o acusado golpeu o coche de Miguel Anxo Fernández Lores, tal como recollían aquel día as cámaras de Canal Rías Baixas. Na Audiencia Provincial, o acusado recoñeceu os feitos. A cambio, a Fiscalía reduciu a súa petición inicial que era dun ano de prisión e unha multa de 1.470 euros. A saída da sede xudicial, Cerdeira indicou que seguirá loitando pola continuidade da pasteira en Lourizán e que non se arrepinte do feito aquel día.

Apoiando a este traballador ducias de compañeiros de Comisións Obreiras, que se concentraron ás portas da Audiencia mentres el negociaba o acordo. Dende o sindicato consideran ‘lamentable’ que se chegase ata este punto por aqueles feitos.

Pola súa banda, o alcalde da cidade lembrou que foi a Policía Local a que puxo o sucedido en coñecemento da Fiscalía e que el non tivo que ver. E engadiu Lores que el e o seu goberno continuarán defendendo a saída de Ence de Lourizán, por moitas ameazas, dixo, que haxa por parte do que volveu cualificar de ‘Enceborroka’.