Máis de dous centenares de veciños reclaman na rúa mellor atención sanitaria

O GROVE> Os grovenses saen á rúa para esixir melloras na atención sanitaria que reciben. Máis de dous centenares de veciños responderon á chamada á mobilización lanzada por todos os partidos políticos da corporación. Este mediodía concentráronse ás portas do centro de saúde; acto que repetirán cada xoves ata que a Xunta dea solucións reais ás carencias sanitarias da vila.

Médicos de baixa que non se substitúen, xubilacións que non se cobren e longas listaxes de agarda para as consultas de atención primaria. Esta é a situación que levan meses padecendo os veciños do Grove.

Hoxe, máis de 200 persoas concentráronse para reclamar solucións, equipados con cartaces coas súas esixencias. Detrás dunha delas, tamén estaban os representantes de todas as formacións con representación no pleno, que apoiaron de xeito unánime a convocatoria.

As reclamacións foron máis aló da atención sanitaria. Coa concentración, os grovenses manteñen a loita pola construción dun novo centro de saúde. Unha reclamación histórica.

Houbo unanimidade entre os partidos da corporación na convocatoria da concentración, aínda que dende o Partido Popular apuntaron que o problema de falta de facultitativos non depende da Xunta.

A intención da corporación meca é que as concentracións sexan semanais, ata que a Xunta dea resposta ás súas reclamacións. O vindeiro xoves ás 12 da mañá, os veciños volverán estar citados ás portas do centro de saúde de Monte da Vila.

Comments are closed.