Agan+ aposta por situar a náutica galega no mercado alemán

314

GALICIA> O Salón Náutico de Dusseldorf centrou esta semana gran parte da actualidade da náutica. A Asociación Galega de Actividades Náuticas, Agan+, estivo tamén presente nesta cita, na procura de afianzar a oferta galega nos mercados internacionais. No salón mantiveron reunións con diferentes axentes para trasladarlles as súas propostas.

Agan+ non quixo desaproveitar esta semana a fiestra a Europa do Salón Náutico de Dusseldorf. A asociación estivo representada nesta importante cita, para presentar o seu proxecto europeo e promocionar a oferta galega.

Nesta primeira rolda de contactos, as conversas non se limitaron ao deseño de produtos co norte de Portugal. Agan+ ten tamén sobre a mesa propostas como do señeo de grandes itinerarios, que faciliten a apertura de Galicia ao mundo.

Especial interese xera o mercado alemán. Alí, a asociación mantivo varios contactos que, agardan, materialicen en visitas a Galicia para coñecer a súa oferta náutica de primeira man para que despois os promocionen nos seus países de orixe como propostas das que gozar todo o ano.

Coa de Dusseldorf, xa son tres as feiras internacionais nas que a Asociación Galega de Actividades Náuticas presentou os seus proxectos no que vai de ano, dentro da súa estratexia de internacionalización da náutica galega.