A confraría de Cambados, ‘un exemplo a seguir’

CAMBADOS> Confraría de Cambados e Consellería do Mar comparten satisfacción. O motivo: os bos resultados que está a acadar o pósito coa súa decisión de asumir a evisceración da vieira que os seus mariñeiros capturan. Unha medida que para Rosa Quintana é un exemplo de eficiencia na comercialización, achegando maior valor engadido ao produto.

O paso adiante da Confraría de Cambados para encargarse eles mesmos da evisceración da vieira capturada está a deixar un balance satisfactorio. A Conselleira do Mar visitou a nave de 1.460 metros cadrados do Porto de Tragove, e puxo a iniciativa do pósito como exemplo a seguir.

Para a confraría, ata o de agora a experiencia está a resultar moi positiva. Nunha campaña da vieira que, a pesares de comezar tarde, está conseguindo un bo rendemento para os mariñeiros, roldando o copo de 3 toneladas diarias de bivalvo.

A nave foi posta en marcha cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros por parte da Consellería do Mar e dunha axuda de 172.000 euros a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Arousa. Convertendo á confraría cambadesa en pioneira neste campo.

Animados pola boa experiencia cambadesa, confrarías como Ribeira e Rianxo xa anunciaron a súa intención de buscar alternativas, e buscan empresas interesadas na evisceración da vieira. O que negan tanto dende a Consellería como dende o pósito é que o de Cambados sexa un monopolio.