As Rutas da Mancomunidade atraeron preto de 5.000 peregrinos en 2017

CAMBADOS> Case 5.000 peregrinos percorreron as rutas da comarca do Salnés durante o 2017. Estas son as cifras que manexa a Mancomunidade, máis que satisfeita coa acollida que están a ter a Variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento. Os visitantes eran, ademais, de ata 50 nacionalidades diferentes; unha mostra do importante tirón internacional que están a conseguir.

Ao redor de 5.000 peregrinos de 50 países diferentes pasaron durante o 2017 pola comarca do Salnés. Dende a Mancomunidade teñen moi claro as responsables deste éxito internacional: a Variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento.

Dende o ente non ocultan a súa satisfacción. En preto dun lustro, conseguiron poñer en marcha estes dous produtos turísticos cunha importante aceptación, e están convencidos de que os rexistros seguirán medrando.

Para os vindeiros anos, a Mancomunidade xa se marca novos obxectivos. Un deles, conseguir que a Variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento sexan tamén escollidas como camiños de retorno para os peregrinos que chegan a Santiago, coo unha alternativa a Fisterra.

Para este 2018, a Mancomunidade seguirá cos seus esforzos promocionais, e xa conta con asistir a diferentes eventos para continuar dando a coñecer os recursos turísticos do Salnés.