O PP fai público o borrador do convenio do novo centro de saúde

POIO> O Partido Popular de Poio fai público o borrador do convenio entre concello e Sergas para a construción dun novo centro de saúde. Dende a formación defenden que esta documentación demostra que o goberno bipartito tiña o borrador dende o 20 de decembro, e que coñecía a cláusula que recollía o peche de Anafáns, Combarro e Raxó.

O PP de Poio fai público o contido do borrador do convenio entre concello e Sergas para a construción do novo centro de saúde. Para a formación, o documento demostra que o goberno bipartito minte cando asegura que dende o principio se opuxo ao peche dos consultorios periféricos de Combarro e Raxó.

Co borrador do convenio e o correo que o xerente do Sergas fixo chegar á alcaldía, os populares consideran probado que os termos do acordo foron froito do diálogo e que, polo tanto, o executivo apoiaba a intención de pechar os consultorios coa construción do novo centro.

Os populares tamén apuntan a que o borrador está no concello dende o pasado 20 de decembro, sen que o executivo se posicionara publicamente nin o levara para a súa aprobación en pleno.

Pola contra, Moldes insistiu en que a súa formación sempre se posicionou en contra do peche destes consultorios. Postura que demostraron apoiando a moción que levou o bipartito ao último pleno en contra desta medida do Sergas.