Os traballadores das ambulancias de Pontevedra e O Salnés non desbotan a folga contra un servizo ‘deficitario’

PONTEVEDRA> Os traballadores das ambulancias da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mobilízanse para protestar contra a empresa que xestiona o servizo. Denuncian que a mala xestión da concesionaria está a provocar importantes carencias que repercuten directamente na atención que reciben os pacientes. Hoxe protestaron ás portas do Hospital Provincial e adiantaron que desbotan convocar unha folga.

Nova protesta dos traballadores do servizo de ambulancias da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés. Denuncian que a empresa concesionaria está a ofrecer unha atención deficitaria, con recursos insuficientes para asumir a carga de traballo.

Aseguran que tanto o número de traballadores como o de vehículos non chegan para ofrecer un bo servizo aos pacientes da área. Que sofren, ademais, a mala coordinación dos efectivos por parte da empresa, que en ocasións se xestiona dende Valencia, de onde é a concesionaria.

Toda esta situación está a minar aos traballadores do servizo. Acusan ao Sergas e á xerencia da área sanitaria de mirar para outro lado e non desbotan convocar unha folga.

A empresa Ambulancias Civera xestiona o servizo dende o 1 de abril do 2021. A licitación foi de 19 millóns de euros por tres anos e dous de prórroga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí