PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra e a Deputación formalizaron esta mañá o seu acordo de estudar se o convento de Santa Clara pode sumarse ao Museo provincial. No marco deste protocolo, a administración provincial realizará os estudos necesarios para comprobar se esta opción é viable. De ser así, a súa incorporación ao Museo permitiría aumentar a súa superficie ata os 30.000 metros cadrados.
A Deputación de Pontevedra estudará a incorporación do convento de Santa Clara ao Museo provincial. Como xa se anunciara onte, esta mañá alcalde e presidenta asinaron un protocolo que permitirá á administración provincial valorar a viabilidade desta proposta.
Se finalmente os estudos son favorables, a incorporación de Santa Clara ao Museo de Pontevedra permitiría aumentar a superficie deste ata preto dos 30.000 metros cadrados.
Lores agradeceu ao goberno provincial a aposta por poñer en valor este edificio histórico. Máis aínda tendo en conta o importante investimento que precisaría para recuperalo. Segundo o vicepresidente provincial, podería roldar os 20 millóns de euros.
Para Silva, este protocolo é un exemplo máis da boa sintonía entre o concello de Pontevedra e a Deputación provincial, e felicitou o traballo do goberno local para pechar a compra do convento.
A presidenta asegurou que buscarán fondos europeos para a recuperación do convento. Unha tarefa na que tamén agardan contar coa colaboración do goberno do Estado e da Xunta de Galicia.