CAMBADOS> O goberno de Cambados valora restrinxir o tráfico na rúa Real. Tralo Entroido, o edil responsable da área comezará a rolda de contactos cos hostaleiros da zona para recoller a súa opinión. Farao en reunións individuais, para garantir que non existan presións dentro do sector. Segundo José Ramón Abal, a intención é dar pasos para mellorar a seguridade viaria do entorno.
Cambados pon sobre a mesa limitar o tráfico na rúa Real. O concello quere ir camiñando cara un modelo que permita garantir a seguridade nunha zona con moita afluenza de xente, principalmente nos meses de verán, e na que o paso de coches é case continuo.
O máis probable é que opten por un modelo mixto, semellante ao que xa se aplica con éxito na praza da Roda. Neste entorno, a regulación actual permite que convivan dous intereses: o dos veciños que queren pasar ata as súas garaxes e o dos hostaleiros, que queren instalar as súas terrazas.
O que teñen claro é que hai que garantir a seguridade nesta zona. Sobre todo, despois do accidente que aconteceu hai preto de dez días, cando un vehículo chocou contra un dos pivotes de ferro da rúa Real que saíu despedido e golpeou a unha muller nas costas.
Despois do Entroido, José Ramón Abal explicou que comezarán a convocar aos hostaleiros e comerciantes para coñecer as súas posturas. As reunións serán individuais, para que cada un se poida explicar libremente.
A intención do goberno local é chegar a Semana Santa cunha decisión sobre os pasos que van a dar nesta zona da praza de Fefiñáns e da Rúa Real.