O barrio de San Brais únese á compostaxe

Pontevedra> O Barrio de San Brais, en Pontevedra, súmase ao proceso de compostaxe. Nesta zona da cidade combinaranse composteiros individuais, comunitarios e situacións de reutilización de restos orgánicos para alimentación de animais e fincas. Un sistema, o da compostaxe, que estará instalado entre finais deste mes e comezos de marzo neste barrio da Boa Vila.

A compostaxe continúa o seu camiño de instalarse en todos os barrios e parroquias de Pontevedra, agora é o barrio de San Brais o que se suma a esta iniciativa. Un barrio que conta con 220 habitantes, 180 vivendas que xeran un total de 42 toneladas de biorresiduos ao ano. Nesta zona de Pontevedra levaranse a cabo tres liñas de tratamento dos residuos orgánicos.

Ademais do composteiro comunitario algúns veciños tamén pediron ter un individual, a maiores, para compostar os restos de cesped das súas casas.

O concelleiro de Participación explicou esta mañá que a instalación do composteiro comunitario farase en breve e tamén o reparto de composteiros individuais un proceso que estará instalado ao 100 por 100 entre finais deste mes e comezos do mes de marzo.