O Museo de Pontevedra conmemora a vixencia do legado de Castelao

PONTEVEDRA> O 30 de xaneiro, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá un acto conmemorativo para por en valor a vixencia do legado de Castelao. Coincidindo co aniversario do nacemento do autor, presentarase a primeira edición facsimilar perfecta dos Albumes de Guerra. O alumnado do Carlos Oroza recreará o menú servido polo Casino de Pontevedra en 1918 e que fora ilustrado por Castelao.

Esta mañá presentouse o acto conmemorativo que se celebrará o vindeiro mércores, 30 de xaneiro, no Sexto Edificio, para lembrar a vixencia do legado de Castelao. No evento darase a coñecer publicamente a edición facsimilar dos tres Albumes de Guerra do autor, realizada por Galaxia a partir das láminas orixinais. Os estoxos serán repartidos a Concellos e bibliotecas da provincia.

No acto intervirá Xesús Alonso Montero, autor do estudo que acompaña os albumes. Tamén se poderá degustar un menú elaborado en colaboración co Carlos Oroza, que reproduce o servido nunha cea do Casino de Pontevedra en 1918 e para o que Castelao realizou ilustracións.

O obxectivo do evento é por en valor os fondos sobre a obra de Castelao cos que conta o Museo de Pontevedra, que son os máis numerosos e importantes.

O acto conmemorativo, que terá lugar ás 19:30h, está aberto ao público xeral ata completar aforo, que é dun máximo de 100 persoas.