RIBEIRA> A oposición de Ribeira vén de denunciar o incumprimento do regulamento municipal por parte da alcaldesa ó non ter convocado o pleno extraordinario sobre a residencia solicitado conxuntamente polos tres grupos. Será o secretario quen teñan que formalizar a convocatoria para esta sesión que previsiblemente se celebrará a principios de outubro.
Hoxe 24 de setembro tiña que terse celebrado, como data límite, o pleno solicitado pola oposición de Ribeira para coñecer o estado do proxecto da futura residencia. Non foi así posto que a alcaldesa non convocou a sesión extraordinaria nos prazos que marca o regulamento municipal, nun feito que os voceiros das formación cualifican de insólito e sen precedentes.
Consideran dende a oposición que a alcaldesa non ten intención de dar explicacións posto que o proxecto anunciado, din, non é tal e nin tan sequera se realizou a cesión formal dos novos terreos.
Agora será o secretario municipal quen convoque de oficio o pleno que terá lugar nas primeiras semanas de outubro co fin de coñecer non só o estado do proxecto actual senón as razóns que motivaron o abandono do proxecto das Saíñas no que xa se tiñan investidos máis de 800 mil euros de fondos públicos.
Dende o Concello aseguraron, pola contra, que a sesión plenaria con carácter extraordinario se convocará de acordo á normativa vixente. A alcaldesa María Sampedro anunciou que o pleno terá lugar o vindeiro 8 de outubro, ás doce da mañá, dentro do prazo legal establecido, e será o propio secretario municipal o encargado de notificar mañá a tódolos edís a data de celebración do mesmo.
A rexedora aproveitou tamén para cargar contra os grupos da oposición, ós que acusou de querer enganar ós veciños en lugar de tratar de solucionar os problemas reais do municipio. Segundo ela a denuncia realizada vén a evidenciar unha vez máis o seu total descoñecemento sobre o funcionamento dun Concello.











