Cambados lamenta as trabas do PP e da Xunta á Cidade Europea do Viño

CAMBADOS> Con esta gala, Cambados despedirase do seu papel como Cidade Europea do Viño. Un ano no que a vila acolleu máis de 80 actividades, que supuxeron un investimento superior ao medio millón de euros. Tamén máis de 46.000 visitantes pasaron pola Oficina de Turismo de Cambados. Hoxe, os voceiros dos catro grupos municipais do goberno facían valoración deste ano entre críticas á falta de implicación da Xunta de Galicia.

Máis de 80 actividade e un investimento superior ao medio millón de euros son algunhas das cifras que nos deixa o balance da Cidade Europea do Viño de Cambados. Un esforzo que tivo a súa recompensa.

Neste tempo, Cambados promocionouse dentro e fóra das fronteiras españolas. Agora agardan que o traballo siga dando os seus froitos, cun nomeamento que deixa un importante legado na vila.

Moitas das iniciativas do programa realizáronse no marco do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, por 70.000 euros, e co respaldo da Mancomunidade do Salnés. Porén, dende o goberno botaron de menos o respaldo da Xunta de Galicia.

O paso da Cidade Europea do Viño deixa tamén novos obxectivos en Cambados. Un deles, a declaración da Festa do Albariño de Interese Turístico Internacional, coa fin de que chegue a tempo para a celebración deste 2018.