VILAGARCÍA> Ferido un home en Vilagarcía ao intervir nunha agresión machista. O suceso produciuse de madrugada, nunha zona próxima ao asilo da capital arousá. A vítima intentou mediar nunha discusión entre unha parella cando recibiu unha coitelada. A Policía Nacional busca o agresor.
Un veciño de Vilagarcía de 41 anos foi acoitelado esta madrugada na céntrica rúa Vila Janer, cercana ao asilo. Segundo o seu testemuño, ía de camiño cara a zona TIR cando presenciou unha discusión entre unha parella. O home chegou a agredir á muller, e a vítima decidiu intervir para poñer fin á situación. Neste momento, o agresor asestoulle unha coitelada na perna e a parella abandonou o lugar.
O ferido chegou ao servizo de urxencias do centro de saúde de San Roque polo seu propio pé. Alí recibiu as primeiras atencións da ferida no muslo. Agora, a Policía Nacional investiga o suceso e busca ao presunto agresor e a súa parella.