O Rotogal Boiro Voleibol despídese con vitoria no seu último partido na casa

BOIRO>  Os boirenses venceron no tie-break por tres sets a dous ao Universidade de Valladolid nun encontro sen trascendencia e cos dous equipos xa salvados. O duelo entre o Rotogal Boiro Voleivol e o Universidade de Valladolid da Superliga Masculina 2 converteuse nunha auténtica festa deste deporte. Sen xogarse nada ningún dos dous equipos, asentados na zona media-baixa da clasificación, e coa permanencia asegurada, os dous equipos sairon á pista do polideportivo da Cachada a dar un bo espectáculo. Os boirenses terminaron finalmente levándose a vitoria no tie-break por tres sets a dous. O Rotogal, que tivo en Pablo Nieto a un dos seus mellores homes en ataque, puido contrarrestaro acerto de Antonio Rodríguez e Sergio Santamaría no bando rival para facerse coa victoria. A falla dunha única xornada para o remate da competición na súa fase regular, os boirenses sitúanse na sexta praza con 22 puntos. A vindeira fin de semana despediranse por este ano da competición xogando en Dumbria. Rival que ten os mesmos puntos ca eles. Precisamente aproveitando o derradeiro encontro na casa ante a súa afección, o Club decidiu renderlle un recoñecemento especial ó principal patrocinador dos equipos da base, Jealsa-Rianxeira, a quen lle agradeceron a colaboración ó longo das últimas tempadas. Por parte da conserveira asistiu ó acto a súa directora de Relacións Institucionais, Margarita Hermo, que non dubidou en participar na foto de familia a pé de pista con tódolos equipos base do Club.